Tuesday 17 de September de 2024

O Concello de Fene convida a coñecer as súas parroquias no ciclo de “Andainas por Fene”


Programáronse un total de sete rutas, en colaboración coas entidades veciñais das diferentes parroquias

O Concello de Fene, a través da concellaría de deportes dirixida por Adán Chao, pon en marcha no mes de setembro o ciclo de rutas a pé “Andainas por Fene”. Trátase dunha serie de roteiros -organizados en colaboración coas sociedades parroquias e Eroski- cos que o Concello quere dar a coñecer á veciñanza a riqueza paisaxística e patrimonial do conxunto do territorio local mentres se goza dunha actividade saudábel ao aire libre.

As próximas rutas programadas permitirán ás participantes coñecer Limodre (1 de setembro), Maniños (7 de setembro), Sillobre (14 de setembro), Magalofes (28 de setembro), Fene (5 de outubro) e San Valentín (19 de outubro). A estas súmase a ruta xa realizada o pasado 15 de xuño en Barallobre, que foi todo un éxito de participación.

O concelleiro de deportes, Adán Chao, animou a toda a veciñanza a participar nestas rutas, destacando que “esta iniciativa non só fomenta a práctica do deporte un estilo de vida saudábel, senón que tamén permite redescubrir as nosas parroquias e afortalar os lazos comunitarios”.
Así mesmo, Chao quixo agradecer expresamente a colaboración das entidades locais que fan posíbel esta actividade: a Liga de Amigos de Barallobre, a A.VV. de Limodre, O Pote de Maniños, Agarimo de Sillobre, A.VV. Santo Samarco, A.VV de Magalofes, CMI Unidade de Fene e o CPS de San Valentín. “Sen o seu compromiso e dedicación, este ciclo non sería posíbel”, engadiu.

As inscricións para estas rutas son completamente gratuítas, e están abertas a persoas de todas as idades. As persoas interesadas poden anotarse contactando coa concellaría de deporte, 15 días antes de cada unha das rutas programadas.